Galicia Abriga nace co obxectivo de garantir un espazo seguro a tres mulleres defensoras de dereitos humanos pertenecentes a organizacións e movementos sociais de países nos que a cooperación galega ten presenza, que ven ameazada a súa vida ou integridade física e psicolóxica, con motivo do seu labor, contribuíndo a que salgan do contexto de risco no que se encontran, fortalecendo as súas capacidades e mellorando o seu benestar.

Á súa vez, tamén se crearán espazos nos que se difunda a axenda de defensa de dereitos das súas comunidades, organizacións ou movementos sociais, así como de denuncia das violacións de dereitos humanos das que fora obxecto e de aproximación ao contexto do país.

Polo tanto, durante a súa estancia, que será de tres meses en Galicia, preténdese:

  • Brindar acollida e acompañamento psicosocial que permita reducir a inseguridade e violencia que enfrontan quen defenden dereitos humanos e mellorar o seu benestar para que poidan seguir realizando o seu labor de defensoría.
  • Realizar incidencia política que sirva de protección e alerta ao tecido asociativo ao que pertence a persoa acollida.
  • Visibilizar o labor das defensoras ante a cidadanía e institucións públicas e educativas, ao tempo que se denuncia a situación de vulnerabilidade de dereitos humanos e ameaza que sofren as comunidades, organizacións e movementos sociais que traballan en defensa dos dereitos humanos.
  • Ampliar e fortalecer as redes internacionais de apoio institucional e político destas persoas e das súas comunidades, organizacións e movementos sociais.
  • Apoiar as comunidades, organizacións e movementos sociais de orixe da defensora, axudando a difundir as súas reivindicacións.
  • Promover a formación e o intercambio de coñecementos e experiencias de e coas persoas defensoras de dereitos humanos acollidas no programa.

Antes da súa chegada, concretarase a axenda para cada unha delas, acorde ás súas necesidades e demandas, alternando accións de descanso e mellora do benestar, ocio, incidencia política ou formación.

Durante eses tres meses, as tres mulleres defensoras vivirán na Coruña, compartindo unha vivenda con habitaciónss individuais.

Galicia Abriga non é un programa de asilo, refuxio ou exilio. É un programa de acollida temporal para que, durante 3 meses, 3 mulleres defensoras de dereitos humanos poidan saír da contorna na que realizan o seu traballo de defensoría, descansar e fortalecerse, tanto elas mesmas como as súas organizacións, para que, á volta ao seu país, estean en mellores condicións de desenvolver o seu activismo. Non está, polo tanto, deseñador para proporcionar a saída inmediata de persoas defensoras dun entorno de grave ou inminente risco.