Presentámosvos as defensoras acollidas por Galicia Abriga 2024

Carolina Amaya é unha xornalista, ecofeminista e defensora de dereitos humanos salvadoreña acollida pola sociedade galega dentro do proxecto Galicia Abriga. Na actualidade, está a ser perseguida xudicialmente pola publicación dunha reportaxe en MalaYerba sobre a emerxencia ambiental provocada pola construción de vivendas de luxo no lago Coatepeque. A Asociación de Periodistas de El Salvador (APES) advertiu que esta persecución xudicial “busca censurar e/ou restrinxir o exercicio xornalístico” e explica que as agresións á prensa aumentaron en El Salvador un 66% en 2023 e que o tipo de agresión máis recorrente é a estigmatización do traballo xornalístico. Neste sentido, observan que aumentar a atención da comunidade internacional sobre esta situación pode ser un importante apoio na súa loita pola liberdade de expresión no país centroamericano.

Gabriela Villarroel é unha xornalista salvadoreña, defensora de dereitos humanos e, moi especialmente, da liberdade de expresión, da loita feminista e dos dereitos LGBT. Foi atacada polo seu traballo, sobre todo, cando se atopaba cubrindo algúns dos feitos emblemáticos protagonizados polo goberno salvadoreño.
As principais modalidades de agresión que viven as defensoras e defensores de Dereitos Humanos en El Salvador son á súa integridade física e violencia dixital. A Mesa polo Dereito a Defender Dereitos publicou un informe que mostra que a maioría das agresións (un 79,67%) son contra a defensa da liberdade de expresión e prensa.

Juana Ferrer Negrita é unha activista feminista e ecoloxista dominicana que loita cada día, desde hai máis de 30 anos, polo recoñecemento dos dereitos das mulleres rurais, en particular das que practican a agricultura. Forma parte da Vía Campesiña e ese esforzo de unir loitas en América Latina e construír a partir da colectividade é algo do que sente orgullosa. Grazas ao traballo da Confederación Nacional de Mujeres del Campo (Conamuca), que cofundou e dirixe, en República Dominicana as mulleres teñen dereito á propiedade da terra e acceden a unha maior formación en agroecología, comercialización e participación social e política