As tres defensoras acollidas na segunda edición de Galicia Abriga asistiron este 25 de novembro ao acto de conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres que se celebrou no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. Milagro, Ana e Juventina puideron escoitar as intervencións das alumnas de 1º de Bacharelato do IES Antón Fraguas e de 3º da ESO do IES de Sar, que deron lectura a textos de rexeitamento á violencia machista nas súas diferentes formas, e mais a lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 30 de outubro. Despois, tiveron ocasión de saudar as autoridades presentes e mantiveron unha xuntanza de traballo coa concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas.