As tres defensoras acollidas na segunda edición de Galicia Abriga mantiveron esta tarde unha xuntanza de traballo co equipo de Feminismos do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. Ana Donis, Milagro Alvarado e Juventina López trasladaron ás traballadoras sociais presentes información sobre as súas entidades e países, así como sobre os proxectos nos que traballan e puideron intercambiar coñecementos e experiencias sobre a atención a vítimas de violencia de xénero nos diferentes contextos. Houbo consenso sobre a necesidade de protexer os avances do feminismo institucional e reforzar a loita do movemento, así como as redes internacionais de apoio e coidado entre as mulleres defensoras.
