Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis participan estas semanas na segunda edición do programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos Galicia Abriga, impulsado polas ONGDs Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Ecos Do Sur, co apoio económico da Xunta de Galicia, do programa europeo Protect Defenders, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e dos concellos de Oleiros e Ames. Galicia Abriga conta, ademais, co respaldo da Coordinadora Galega de ONGDs, das tres universidades galegas e dunha ducia de entidades de diversos ámbitos.

Esta numerosa e variada rede de apoio recibiu esta mañá en Santiago de Compostela a Milagro, Juventina e Ana, que compartiron coas persoas presentes as súas experiencias na defensa da xustiza e dunha vida libre de violencias nos seus países de orixe, El Salvador e Guatemala.

Juventina López agradeceu o traballo que vén facendo a cooperación galega en Guatemala, “ayudando a las familias en sus necesidades básicas de agua, salud, educación y vivienda”. E recordou que a súa estadía dentro de Galicia Abriga a está a axudar a poñer en valor o verdadeiro impacto do seu labor como defensora indíxena durante máis de 20 anos e a reporse do esforzo que isto supón. “Es una oportunidad para fortalecerme yo y reforzar mis conocimientos”, salienta, “lo que me permitirá fortalecer mi organización, Asiaprodi, al volver a Guatemala y ayudar a que otras mujeres puedan tener una vida mejor”.

A asesora xurídica e defensora de nenas, adolescentes e mulleres vítimas de violencia Ana Donis puxo en valor o traballo que a organización guatemalteca Mujeres Transformando el Mundo vén desenvolvendo dende hai 16 anos no acompañamento psicolóxico, social, formativo, comunicativo e legal das vítimas, “elaborando una estrategia de litigio estratégico que permite acompañarlas en su transitar de reconocerse primero como víctimas, después sujetas de derecho y finalmente que puedan retomar su proyecto de vida”. Donis asegurou que Galicia Abriga “me ha permitido identificar la importancia de desconectar, para conectar con las emociones, responder preguntas, deconstruirme para construir una nueva y mejorada versión, no solo de la Ana defensora de Derechos Humanos, sino de la Ana, mujer, hija, hermana, amiga… que permitirá fortalecer el trabajo de defensa”.

Milagro Alvarado, pola súa banda, recordou que a Cooperación Galega ten traballado intensamente na defensa dos dereitos das mulleres e nenas de El Salvador coa asociación Colectiva Feminista para el Desarrollo Local, que ela co-fundou, hai máis de 20 anos. Alvarado recoñeceu que o seu labor como defensora dos dereitos das persoas máis vulnerables tivo un impacto moi positivo no seu desenvolvemento persoal e profesional, pero tamén un fondo desgaste físico, emocional e político, “incluyendo desplazamiento forzado”. “Galicia Abriga me está permitiendo trabajar en mi salud emocional y física”, asegurou, “y tomar herramientas que me fortalezcan a mí y a mi organización”.

Neste sentido, María Paz destacou -en representación de Ecos do Sur, Agareso e Solidariede Internacional- “a unanimidade da sociedade galega na defensa de quen defende”, representado no amplo respaldo de entidades locais, autonómicas e europeas ao proxecto. Salientou que “Galicia Abriga non só impacta na vida de tres mulleres xenerosas, senón na das moitas nenas, adolescentes e mulleres que teñen protexido e protexerán cando volvan ás súas comunidades” e recoñeceu “o compromiso da Xunta de Galicia, dos gobernos municipais e do tecido social galego coa protección e a defensa das mulleres defensoras”. María Paz agradeceu, tamén, a presenza de representantes doutros programas de acollemento do Estado integrados na Red ProTejer.

Precisamente á violencia que sofren as mulleres “polo feito de ser mulleres” aludía a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Patricia Fernández López, quen destacou o compromiso da Xunta coa defensa dos dereitos das mulleres, tanto en Galicia como fóra do noso territorio.

Pola súa banda, o director xeral de Relacións Institucionais e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, lembrou que tanto a Lei Galega de Acción e Cooperación Exterior como o V Plan Directo da Cooperación Galega indican expresamente que “a persoa está no centro da acción pública nesta materia e que os dereitos humanos son a guía para as accións públicas”. Neste contexto enmarcou o programa Galicia Abriga, remarcando o compromiso do seu departamento co mesmo. Gamallo salientou, tamén, a capacidade de liderado das mulleres acollidas e recordoulles que “Galicia é a súa casa”.