As II Xornadas galegas sobre protección e defensoría de mulleres defensoras de dereitos humanos, que tiveron lugar no campus de Ourense da Universidade de Vigo baixo o título Os dereitos humanos ante unha nova orde mundial, axudaron a comunidade universitaria e ás persoas interesadas nesta cuestión a reflexionar sobre a necesidade de traballar en contornas habilitantes para a defensa dos DD.HH. diante do colapso da orde internacional baseada en normas que se está producindo nos últimos tempos.
A xornada arrincou cunha presentación a cargo de María Paz, de Solidariedade Internacional de Galicia, e seguiu cunha mesa redonda moderada por Lorena Seijo, da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, e na que participaron Lucía Álvarez, profesora de Dereito Internacional Público e avogada especializada en protección internacional; María Martín, representante da Iniciativa Mesoamericana de Defensoras de Dereitos Humanos, e Martha Guadalupe Guillén Rosale, defensora de dereitos humanos e xornalista mexicana.
As relatoras recordaron que a delicada situación que estamos a vivir a nivel global vén agudizar unha situación de persecución e criminalización que xa viñan enfrontando as persoas activistas e defensoras en DD.HH. “O ataque ás defensoras”, recordaron, “é un ataque directo aos colectivos que representan e que son a primeira liña de defensa das democracias”.
Os sistemas de protección das persoas defensoras resíntense, como consecuencia da redución das liñas de financiamento destes programas que se están a dar tanto no sector público como no privado. Neste contexto, é necesario que a sociedade se amose “comprometida” e “implicada” na xeración deses espazos “habilitantes” para a defensa dos DD.HH. E, sobre todo, é fundamental “tecer redes que eviten o illamento ao que son sometidas as mulleres defensoras”. Contra os datos que mancan, as redes que salvan.
Este é, precisamente, o obxectivo do Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos, Galicia Abriga, dende o seu nacemento en 2024. Como sabedes, aquelas organizacións inscritas no rexistro galego de ONGDs que o desexen, poden solicitar ata o vindeiro mércores, 30 de abril, a acollida temporal de mulleres defensoras pertencentes a organizacións sociais de países onde a cooperación galega ten presenza, para que poidan mellorar as condicións de seguridade e benestar nas que realizan o seu traballo de defensoría. Toda a información e documentación da convocatoria está dispoñible na nosa web.