A Universidade de Vigo acolle as II Xornadas Galegas sobre protección de mulleres defensoras de dereitos humanos, baixo o título Os dereitos humanos ante unha nova orde mundial. A actividade terá lugar o xoves 24 de abril, de 13h a 15h, na aula magna Concepción Areal do Edificio Xurídico-Empresarial do Campus de Ourense e fai parte do programa Galicia Abriga, Programa Galego de Acollida Temporal de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos.
Nesta xornada analizarase o impacto das recentes medidas impulsadas polo goberno dos Estados Unidos de América na defensa dos dereitos humanos a nivel global, así como os riscos que implica a actual deriva ideolóxica en Europa sobre os sistemas de protección internacional. O acceso é libre ata completar aforo.
Programa
13.00 h Apertura da xornada.
Presentación da Universidade de Vigo
María Paz Gutiérrez. Solidariedade Internacional de Galicia
13.00-15.00 h Mesa redonda, coa presenza de:
Lucía Álvarez Albarenga. Profesora de Dereito Internacional Público e avogada especializada en Protección Internacional
María Martín Quintana, Representante da Iniciativa Mesoamericana de Defensoras de Dereitos Humanos
Martha Guadalupe Guillén Rosale. Defensora de dereitos humanos e xornalista mexicana
Modera: Lorena Seijo Sanmiguel, da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social
Galicia Abriga nace en 2024 para que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza, poidan saír temporalmente do contexto de risco para a súa integridade física e psicolóxica no que se atopan, debido ao seu labor como defensoras de dereitos. As súas actividades están coordinadas por Solidariedade Internacional, Agareso e Ecos do Sur e financiadas pola Cooperación Galega e a Cooperación local. E a Universidade de Vigo é parte da Rede de Apoio deste programa, conxuntamente con outras 15 entidades galegas.