Onte pechamos a primeira de Galicia Abriga cun acto na sede da Xunta de Galicia en San Caetano no que participaron Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Ambos estiveron acompañados por Carolina Amaya e Gabriela Villaroel (El Salvador) e Juana Ferrer (República Dominicana), as tres defensoras de dereitos protagonistas desta primeira edición do programa, así como das organizacións de cooperación ao desenvolvemento galegas -Ecos do Sur, Solidariedade Internacional e Agareso- responsables da súa xestión.

Este acto chega logo de tres meses de estancia das defensoras en Galicia, fortalecendo as súas capacidades e mellorando o seu benestar. O programa consta deun acompañamento personalizado para promover melloras no seu estado emocional e de saúde, para impulsas novas aprendizaxes e ferramentas para o seu activismo e artellar redes e estratexias de protección a nivel internacional. Neste sentido, a defensora Juana Ferrer indicou que Galicia Abriga foi “a oportunidade de reflexionar e de analizar o meu papel en procesos de loita e resistencia para os dereitos das mulleres”, asegurando que afrontaba o retorno ao seu país fortalecida e cun “compromiso de réplica de todo o vivido nestas semanas”.

Neste sentido, Gabriela Villaroel -outras das defensoras que participaron nesta experiencia- indicou que “saimos fortalecidas”, ao tempo que reividicou a necesidade de programas de acollida e apoio como Galicia Abriga: “O corpo das mulleres sofre e resíntese ante esta situacion de persecución que vivimos”. Unha situación que ela mesa sofre pola súa condición de xornalista en El Salvador e que comparte con Carolina Amaya, que na súa intervención aludiu á importancia de coñecer os contextos de violencia contra as mulleres á hora de artellar este tipo de programas que, segundo indicou, “é importante que sigan: tocamos hoxe nós a esta porta pensado nas que veñen”.

Compromiso e apoio da Xunta de Galicia

Precisamente á violencia que sofren as mulleres aludía Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, quen destacou o compromiso da Xunta indicando que “Galicia estará sempre ao lado de persoas coma vós -en referencia ás tres defensoras- que arriscan a súa vida polos dereitos e para evitar que compañeiras morran por ser mulleres”.

Pola súa banda, o director xeral de Relacións Institucionais e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, lembrou que tanto a Lei Galega de Acción e Cooperación Exterior como o V Plan Directo da Cooperación Galega indican expresamente que “a persoa está no centro da acción pública nesta materia e que os dereitos humanos son a guía para as accións públicas”. Neste contexto enmarcou o programa Galicia Abriga, do que dixo agardar que teña continuidade.

Un desexo compartido por Javier Roura, representante do proxecto da Unión Europea Protect Defenders, quen reivindicou o compromiso político como garante de que programas como Galicia Abriga poidan ter un percorrido amplo que permita amosar o seu impacto positivo.

Pola súa parte, as representantes de Ecos do Sur, Agareso e Solidariede Internacional coincidiron en destacar o positivo desta primeira edición do programa galego de acollida temporal, que, segundo lembraron, naceu co espirito de fortalecer ás defensoras de dereitos e as suas capacidades, para que sexan quen de manter a súa labor nos seus países de orixe arroupadas e fortalecidas pola rede que implica este programa.