Dúas xornalistas salvadoreñas acollidas na primeira edición de Galicia Abriga a proposta da Asociación de Xornalistas do Salvador (APES) poderán intercambiar experiencias con compañeiros e compañeiras dalgúns dos principais medios españois en Madrid, grazas á colaboración de Reporteros Sin Fronteras España.

Carolina Amaya é unha xornalista, ecofeminista e defensora de dereitos humanos salvadoreña. Centra o seu traballo no xornalismo ambiental, desde o que aborda cuestións transcendentais para o seu país e para toda Centroamérica, como os desprazamentos forzados, a xentrificación, a burbulla inmobiliaria ou a crise hídrica. Desde 2022 faino a través do medio independente MalaYerba, que tamén dirixe. Polo seu labor veu recibindo ameazas e coaccións por parte de depredadores ambientais que denuncia nas súas reportaxes: maras, empresas e responsables públicos. Na actualidade, está a ser perseguida xudicialmente pola publicación dunha reportaxe sobre a emerxencia ambiental provocada pola construción de vivendas de luxo no lago Coatepeque. APES advertiu que esta persecución xudicial “busca censurar e/ou restrinxir o exercicio xornalístico” e, neste sentido, observan que aumentar a atención da comunidade internacional sobre esta situación pode ser un importante apoio na súa loita pola liberdade de expresión no país centroamericano.

Gabriela Villaroel é unha xornalista salvadoreña, defensora de dereitos humanos e, moi especialmente, da liberdade de expresión. Conta cunha ampla traxectoria como reporteira política en diversos medios do país centroamericano. Foi atacada polo seu traballo, especialmente por parte do goberno salvadoreño. Denuncia o terrible impacto que está a ter o réxime de excepción salvadoreño sobre a cultura democrática e a liberdade de expresión do país centroamericano.

Ambas foron acollidas por Galicia Abriga, a peitción de APES, unha das organizacións de prensa máis antigas de América Latina que conta, desde 2018, cun Centro de Monitoreo de Agresións contra Xornalistas e acaba de publicar un informe sobre Liberdade de Prensa no Salvador, relativo ao ano 2023.

El Salvador deu un xiro histórico a partir das eleccións presidenciais do 2019, que deron como gañador ao actual presidente Nayib Bukele, e da participación do partido Nuevas Ideas nas eleccións municipais e lexislativas no 2021. A popularidade do presidente resultou nun cambio do poder político na Asemblea Lexislativa, dando unha ampla maioría de deputadas/os e gobernos locais para o período 2021- 2024. Esta mesma situación repetiuse nas eleccións do 2024, tras a admisión da candidatura do presidente Bukele, a pesar das restricións establecidas na Constitución do Salvador.

A Asociación de Xornalistas do Salvador denuncia que as agresións á prensa aumentaron no Salvador un 66% en 2023 e o Informe de agresións contra persoas defensoras e xornalistas, realizado no 2023 pola Mesa polo Dereito a Defender Dereitos, afirma que as agresións contra a defensa da liberdade de expresión e prensa supoñen un 79.67% do total dos casos. Reporteiros Sen Fronteiras siúa o país no posto 133, dos 180 que conforman a Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa de RSF 2024. O exercicio xornalístico está marcado polo acoso a medios críticos e a criminalización da cobertura sobre seguridade pública e maras. O uso de trolls reforza a narrativa oficial e a información sobre asuntos públicos é confidencial desde a pandemia. O Informe anual sobre violacións a dereitos humanos durante o estado de excepción no Salvador, realizado por organizacións como mate, FESPAD, Cristosal, IDHUCA, Azul Originario, SSPAS y Red de Defensoras, documenta, ademais, 4,825 casos por denuncias a detencións arbitrarias até marzo de 2023.

Galicia Abriga, primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos, nace este 2024, para que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza poidan saír temporalmente do contexto de risco para a súa integridade física e psicolóxica no que se atopan, debido ao seu labor como defensoras de dereitos.