Defender a quen defende é o obxectivo do primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos que bota a andar en Galicia este mes de xaneiro.

Galicia Abriga estápensado para que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza poidan saír temporalmente do contexto de risco físico e psicolóxico no que se atopan debido ao seu labor como defensoras de dereitos humanos. Naceu como unha iniciativa do sector galego de cooperación internacional, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD, que identificou a necesidade de ofrecer unha alternativa de protección temporal a mulleres dos países nos que traballan, que polo seu papel de activismo social e político estean sendo ameazadas e acosadas. O programa bebe dos xa existentes en Asturias, País Vasco ou Comunidade Valenciana.

As entidades que estean interesadas poderán acceder á convocatoria pública de acollemento temporal na web galiciaabriga.org a partir do mes de febrero. A proposta de candidatas ten que vir avalada por unha entidade no seu país de orixe e por unha entidade galega, para así garantir un proceso de estandía e retorno seguro para elas. O programa é viable gracias ao financiamento da Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega e a Secretaría Xeral de Igualdade, e do programa Protect Defenders da UE.

“Este é un proxecto que ten como obxectivo fortalecer á sociedade civil dos países de orixe, dándolle un respiro ás activistas, ofrecéndolles o noso abrigo e seguridade en Galicia durante un tempo, onde se recuperarán psicolóxicamente e terán oportunidade de descansar, para despois voltar aos seus países con forzas renovadas”, comenta María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD y directora de Solidariedade Internacional de Galicia (SIG).

Do itinerario de acollemento encargarase a entidade experta galega Ecos do Sur, con sede en A Coruña, onde tres mulleres estarán aloxadas nun piso compartido durante a estadía de tres meses. “Faremos axendas persoalizadas para cada perfil, mesturando o apoio psicolóxico e atención médica, coas actividades de ocio e tempo libre, para que a desconexión sexa efectiva”, afirmou Saray Durán, directora de Ecos do Sur.

E pechando o trío de entidades responsables do programa está a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), que se encargará da parte de incidencia social e política do programa. “As activistas coas que levamos anos traballando en rexións como Centroamérica manifestan que unha das medidas de protección máis eficaces, non para casos de protección de emerxencia senón para ameazas de grado medio, é precisamente dar a coñecer en Europa as súas loitas, conseguir facer sinerxias coa sociedade civil organizada de occidente e porlle nome e cara os seus agresores”, comenta Lorena Seijo, coordinadora de Agareso. Por elo, este programa incorpora un compoñente que está pensado para que a súa estancia en Galicia sirva tamén para fortalecer as súas loitas e procurarlle máis apoios a nivel internacional.

Una das características máis salientable deste programa é o numeroso respaldo que ten doutras entidades do sector como Amigas da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Enxenerías sen Fronteiras, Médicos do Mundo, Provivienda, MPDL, Solida e Mulleres Salgadas,  que xunto co Fondo Galego de Cooperación e as tres universidades galegas conformarán o grupo de apoio, ofrecendo recursos e asesoría, ademáis de participar nos proceso de selección e avaliación. Se espera que as mulleres cheguen a Galicia entre abril e maio deste ano, para retornar aos seus países de orixe no verán.